[AS CEN VILAFRANCAS /25] Este maio, señora é…

HÉCTOR SILVEIRO | Co mesmo encanto que se dun soño se tratase. Estamos no barrio do Castelo, onde pasei a miña infancia e agora soño, soñamos Maite e mais eu, con restaurar unha casa-bodega cargada de historia familiar. Hai quen di que só a literatura é quen de crear esperanzas para sobrevivir neste caótico mundo no que habitamos, pero logo vén a realidade superando á ficción e non sabe un a que facer caso, opinen vostedes.
O certo é que Samuel, un nino de cinco aniños logrou hai uns días neste mes de maio que soñaramos espertos e facer realidade iso de superarmos a ficción. Saudáranos da mao do seu pai e da súa mai coa emoción na voz de sentirse parte do seu vestindo de maio no barrio, ese maio humano que el viviu en primeira persoa e xa para sempre. Sei, sabiamos Maite e mais eu, aquilo que quería verbalizar con ese saúdo entusiasta, cheo de sentimento e afecto, que nosoutros, como adultos, reforzamos positivamente afagando o feito:
“- E como aguantache vestido ata a Praza como un campión. Samuel, fuches o mellor maio do barrio!.”
O día despois da celebración das Letras en Vilafranca, Samuel despedíase de nós, efusivamente ao pasar por debaixo do balcón da casa da súa avoa, querendo alongar a conversa mentres iamos dicíndolle adeus repetidamente cun sorriso na boca e camiñando cara arriba, á explanada do Castelo onde tiñamos o coche. El insistía en falar en alto e seguir rememorando o seu logro de días atrás no que permanecía con esa resistencia infantil a abandonar a felicidade vivida que só os pequenos son capaces de transmitir con tanta expresividade como naturalidade para envexa dos adultos. Mais fondamente emocionado e cuando xa estabamos fóra da súa vista, (el sabia que o escoitabamos aínda porque el oiu tamén o noso adeus final desde o pico da costa), como xa non nos vía, pero intuía que oíamos, Samuel que ata entón botara pola boca un discurso alegremente incomprensible, rompeu a cantar desde o balcón da avoa berrando:
“- Marzo airoso, abril chuviñoso, sacan o maio florido i hermoso,… Tire castañas señora maría, tire castañas que as ten na cociña… Levantate maio, bastante dormiche, pasou un burro e non o sentiche… ”
Nunca soñara cousa tan linda, sentinme nino, outra vez, co eco do canto nas rúas empedradas que Samuel interpretaba, que agasallo espontáneo, marabilloso e inesquecible! Maite e mais eu mirámonos e rimos coas bágoas nos ollos. Unha sensación de plenitude pola confianza no arraigo e no verdadeiro futuro da festa, algo máis valioso, sen dúbida, que a multitude toda de persoas que saíron arroupando este ano na Festa do Maio os cuatro barrios na vila.
Aquel canto que enchía a rúa en costa coa súa voz infantil e inocente para retrotraerme a miña infancia ao momento en que fun consciente de nino por vez primeira da existencia do ritual primaveral que conservara celosa e pacientemente durante séculos a nosa vila, como se dunha grande avoa se tratase. Despois de máis de 40 anos luitando pola revitalización da festa máis antiga de Vilafranca, este é o maior éxito posible a tantos anos de cuidado e mimo, o feito de que un nino de corazón emocionado e inxenuo garde na súa memoria e cante a copla días despois coa esperanza de se vestir de maio na próxima primavera, de revivir a celebración.
Por fortuna sei, sabemos, que a día de hoxe en Vilafranca hai muitos ninos e ninas como Samuel. Mais el fíxonos soñar espertos, darlle unha tremenda dimensión e fondura a algo que se vén evidenciando desde hai xa, polo menos, dúas longas décadas ou se cuadra algo máis. Antes que Samuel, cantaran con esa ilusión, como non, o noso ninín e a nosa meniña, Artur e Aldara, que xa son mozotes e tamén as crianzas dos amigos e amigas, do grupo dinamizador desta transmisión colectiva, dos que citarei especificamente a uns poucos da Escola de Gaitas para non facer a lista interminable. Cantaron Blanca, Gonchal e Antón e logo Diego e David, como non tardaron en facer Efrén e Vera ou David e Eduardín. Logo viñeron Violeta e Carla e máis recentemente cantan o maio Mar e Álvaro. Se nos paramos a pensar cada canto resulta verdadeiramente conmovedor tanto como o de Samuel, quen ademais me ofreceu de feito a revelación da extraordinaria magnitude, vista con perspectiva, da revitalización lograda da Festa do Maio.
Un apuntamento máis que non pode faltar nesta entrega: O certo é que o de Samuel vénlle de familia. Lembro a súa avoa Conchi cantando os maios do Campo da Galiña sendo unha rapaza e logo a ela e ao seu home colaborando co maio do barrio de sempre. Costume que mamou a súa filla, Leticia, e tamén o que agora é o seu marido, Hugo, aos que non lles quedou outra este ano que acompañar ao pequeno que quería vestir de maio. Un nino de cinco aniños é quen de se vestir, sendo tan pequerrecho, capaz de soportar varias horas atado de pés e maos para seren un home verde, unha árbore andante e levantar o maio deste xeito tan máxico e simbólico, tan sinxelo e emotivo. Diciamos que a súa avoa ten muito que ver e volvo recorrentemente a un recordo particular con agarimo e nostalxia, pois semellante foi na miña casa, sendo eu un nino, o sentir da miña mai e máis do meu pai aquela primeira vez que me viron cantando o maio. Esa é a fortaleza da tradición, esa entrega de emociois fondas que pasan de xeración a xeración.
- Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo