[AS CEN VILAFRANCAS /26] … este maio andaba de pé

HÉCTOR SILVEIRO | Despois dos soños do mes veñen as reflexiois necesarias…
Se por un casual unha mañá do 1o de maio de hai 50 anos fose Samuel (ese nino de cinco anos do que tratei na anterior entrega desta serie) un dos rapaces que no barrio do Campo da Galiña cortaran os apios dos cabalos para facer o maio, posiblemente non se chegaría a vestir ata que acadase máis idade, esa que lle permitise soportar unha cantidade de cañaveiras tal que o cubrisen por enteiro, mesmo o rostro ata facelo deste xeito completamente irrecoñecible. Pois ben, esa é unha das precupaciois que temos que lograr nos nosos maios de hoxe, o feito de poder manter anónima á persoa que o viste, especialmente a cara que debe permanecer oculta embaixo da figura vexetal do maio para que sexa realmente unha árbore andante, o espírito da natureza primaveral que chega a todas as casas do barrio e deambule de incógnito polas rúas, que se deite nas prazas da vila sen que se saiba quen dos rapaces ou rapazas está baixo os mazandois.
Ademais desta primeira reflexión acerca de como revitalizar as tradiciois sen matar torpemente a súa esencia, lembramos que de vello non saían as gaitas, que nós saibamos, tocando cos maios o que convertía ao coro de rapaces e rapazas nun protagonista sonoro máis destacado. Soaba con forza polas rúas as mañás de todos os primeiro de maio cedo, tanto na época dos nosos avós e avoas, como tamén sen dúbida, séculos atrás a melodía e a letra cantábanse a capela, máis rotundas e sen tanto ruído mediático. Daquela todo tiña outra dimensión, mais a tradición foi e debe seguir sendo unha manifestación viva da transmisión oral, procuremos que sexa sobre todo cantada. A reprodución ritual e sentida dunha cantiga que proclama a vida coa letra e a melodía na boca das xentes do común. Esa rotundidade da canción nas rúas de pedra témola que saber resgardar convenientemente, pois resulta vital para toda cultura, para a nosa identidade a transmisión interxeracional o sentimento de felicidade natural e espontáneo que nace sendo ninos ou ninas construíndo esa memoria que ano a ano medra ao ritmo da canción e madura sendo xa persoas adultas, invitando a renovar a nosa fidelidade colectiva coa tradición, comprometidas sinceramente cunha forma xenerosa de ser e socializar co que che pertence e identifica:
– Este maio, señora é,
este maio andaba da pé.
Lembramos xa, avanzado un tanto o mes, o efusivo e infantil canto de Samuel desde o balcón da súa avoa ocorreu, pasada a celebración, ao día seguinte do Día das Letras Galegas. Ese día, o 17 de maio, todos os territorios galego falantes homenaxearamos precisamente ás nosas pandeireteiras e á tradición oral. Antes de proseguir cómpre lembrar as palabras sabias de Sarmiento que veñen mui a conto, a súa reflexión como primeiro recompilador e interesado estudoso da oralidade de noso:
“En Galicia as mulleres non son soamente poetas senón músicas naturais. En Castela e Portugal e outras provincias os homes son os que compoñen as coplas e inventan os tons e aires e así se ve que neste xénero das coplas populares falan os homes coas mulleres. No meu país é ao contrario, na maior parte falan as mulleres cos homes e é por que elas son as que compoñen as coplas e elas mesmas inventan os tons e os aires que han de cantar”,
Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles
Cuando Sarmiento fala do seu país, fala, decatémonos da vella Gallaecia e, por suposto, da súa vila natal. Por iso, precisamente en Vilafranca do Bierzo, este Día das Letras fixemos foliada para homenaxear ás nosas pandeireteiras. A iniciativa converteuse de novo en realidade grazas ás mulleres e ás mozas, promotoras da celebración, iso si, coa compaña dalgúis homes, claro está, e que guiadas por Marisa Cela foron, fomos quen de xuntarmos na Alameda para cantar e bailar na honra das cantareiras do Bierzo de todos os tempos:
Muliñeira troula, troula,
muliñeira trinadora,
quitáche a palla da cama
onde vou durmir agora.

17 de maio, Día das Letras Galegas, homenaxe ás nosas pandeireteiras en Vilafranca
Non quixera deixar atrás outramente unha terceira reflexión ao respecto da importancia que teñen hoxe as recollidas sistemáticas da nosa tradición oral (refírome particularmente á berciana). Citarei tan só unha das feitas anos atrás, pero non hai tanto, obra de gran interese que realizou unha muller amante das cantigas populares no ano 1992. É o magnífico volume de Literatura de tradición oral del Bierzo de Alicia Fonteboa, excelente traballo ao que só lle faltou engadir unha escolma un maior número de partituras coas melodías para acadaren a perfección e complementaren ao marabilloso cancioneiro de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina que abordara dúas décadas antes varias calas de sumo interese no Bierzo, como xa temos dito.
Para mostra desa Literatura de Tradición oral do Bierzo recollida por Alicia Fonteboa poñamos dous botois de mostra:
Este pandeiro que toco
é de pelexo d’ ovella
onte berraba no monte
e hoxe toca que rabeia.
Salir mozas a bailar
Que ia retumba o pandeiro,
Que hoi día vale máis
a alegría que o diñeiro.
Deamos a despedida a este maio cun soño relacionado coas cántigas, como é o desexo de escuitar cantar a miña bisavoa Ludivina que de nina tocaba a pandeira en Vilar dos Barrios, antes de emigrar a Cuba e, logo, volver para vivir o resto da súa vida en Vilafranca. Morrer morreu eiquí nos anos cincuenta, antes de que eu nacera e nunca sentín a súa voz, cuanta alegría me daría podela sentir. O certo é que na vila non atopou compañeiras nin ocasión para
cantar como fixera de moza, aínda que si para bailar, muito e ben, ao son da gaita. Mais desta vez este soño é imposible de se converter en algo certo. Espertemos, iso si, para a derradeira das reflexiois. Desta volta e neste mes de maio que remata cargado de simbolismos e cultura, lévome a impresión certeira esperanza, dunha realidade tanxible e fermosa, consecuencia dun traballo e dun compromiso singular coas nosas tradiciois como é que as voces mozas e femininas acompañadas das pandeiras e as ferreñas volven de novo a soar na vila, volven para se quedar, fruito dunha necesidade insustituible que turra de nós, co ánimo de seguir avanzando na recuperación, asentando a revitalización da nosa tradición oral e calendario de seu, como dirían As Tanxugueiras:
Aí veñen, aí veñen, veñen pra quedar
Esas bravas gorxas de fondo cantar
de fondo cantar, de fondo cantar
aí veñen, aí veñen, veñen pra quedar.
- Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo.