Máis dun milleiro de escolares participan nos actos do Día do Galego no Bierzo

O secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García, participou este luns en diversos actos incluídos na programación do Día do Galego no Bierzo, no marco do protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Goberno castelán-leonés para potenciar os estudos da cultura e lingua galegas nos territorios limítrofes como son o Bierzo e Sanabria.
O representante do Executivo galego tomou parte na sétima edición das Xornadas Martín Sarmiento en Villafranca e compartiu co alumnado dos centros docentes da vila berciana de Cacabelos a entrega do Premio Morales centrado no poema O Entroido.
García lembrou que estes eventos dan conta do traballo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a prol da proxección exterior da lingua galega, un dos puntos recollidos para a renovación do plan xeral de normalización que está en proceso ao abeiro do Pacto pola Lingua.
Neste senso, cómpre destacar que este ano participan nos cursos de galego que se imparten no Bierzo e en Sanabria 1.166 alumnos, repartidos en 14 centros de Educación Infantil e Primaria, catro Institutos de Secundaria e unha Escola de Idiomas.
As xornadas remataron coa convocatoria dunha nova edición dos Premios Morales e con un encontro de traballo de cara a programar outras iniciativas coa fin de seguir abrindo novos espazos para o galego no Bierzo, na que participaron a Comisión Cultural Martín Sarmiento de Vilafranca, os centros docentes do Programa do Galego, a Real Academia Galega, as autoridades educativas autonómicas, entes culturais como O Fiandón Berciano e o Instituto de Estudios Bercianos, alcaldes do Bierzo e o Consello Comarcal.