[TRIBUNA] De Señorío a Marquesado de Vilafranca
XABIER LAGO MESTRE | As instituciois territoriais do Bierzo teñen sido muitas na historia. Salientamos hoxe a do marquesado de Vilafranca que muitos descoñecen. Todo comezou co pequeno señorío da Cabreira e da Ribeira, concedido polo rei Alfonso XI ao nobre Alvaro Núñez Osorio en 1326. Dita merced incluía os castelos de Pena Ramiro e Pena Velosa coma centros señoriais (goberno, fiscal, militar, etc). Velaí o resultado da peculiar relación de poder entre a Coroa e a nobreza para gobernar os diversos e lonxanos territorios do reino. Posteriormente, o rei Juan II reafirma dita concesión tamén co castelo de Cornatelo (1388).
As luitas dinásticas obrigan aos sucesivos reis a pactar cos outros poderes, nobreza, igrexa e cidades, segundo as diversas conxunturas políticas da Baixa Idade media. A nobreza que axuda aos candidatos a reis demanda os seus privilexios a cambio. Así Enrique IV concede a Pedro Alvarez Osorio, señor de Cabrera e Ribera, o condado de Lemos (1456). A alta nobreza tamén procura máis poder territorial cos seus casamentos. Así por exemplo, o dito Pedro casa con Beatriz de Castro (1433) e consegue patrimonio dos condes de Trastámara, coas vilas de Vilafranca, Ponferrada, Trabadelo, A Faba, etc. Para reforzar este patrimonio señorial toman outro privilexio real do maiorazgo que vincula os seus bens fronte a futuras vendas e débedas (1442 e 1453).
Na documentación histórica da época lemos que os condes de Lemos señoreaban. Unha clara referencia ao poderío abusivo dos señores. A ambición desta alta nobreza non tiña límites no Bierzo ante a debilidade da Coroa, da Igrexa e do poder vilego. Sabemos das queixas dos mosteiros de Carracedo, san Pedro de Montes, Espiñareda ou Samos fronte á presión señorial. Esta consistía en creación de novas localidades (Fontesnovas na devesa do Fabeiro, Campo fronte a Molinaseca…), toma de vasalos e bestas para realizar traballos nos seus castelos (serventías), etc. Tamén salientamos a conflitividade interseñorial, caso do intento de integrar Bembibre no condado de Lemos, “el dicho conde de Lemos tenía la villa de Bembibre, tenyendolo todo a su mandar (…)” (1494), vila que pertencía ao condado de Alba de Liste. Confiscaron a terra de Arganza en tempos da revolta irmandiña.
Os condes tamén empregaron unha política territorial máis pacífica. En 1431 o condado medra coas novas posesiois do mosteiro de Samos no Bierzo (Vilela, Viladepaos, Dragonte, Vilasinde, Soutogaioso, etc. Do mosteiro de Vilaboa do Bierzo conseguen Arborboa, Vilaboa, os Valtuilles, Quilous, Cubelos, Cubelinos e A Valgoma (1431). Destacada foi a adquisición de Cacabelos trala axuda militar ao arzobispado de Santiago de Compostela (1458).
Os abusos señoriais tiveron o seu fito conflitivo na rebelión do conde Rodrigo fronte aos Reis católicos (1485) ante a problemática da sucesión do condado de Lemos. Os ditos Reis interviron claramente na solución arbitral definitiva. Así compraron Ponferrada, crearon a provincia do Bierzo, segregaron o condado de Lemos coa formación do novo marquesado de Vilafranca, deixaron participar aos foráneos Benavente na política local, expulsaron ao conde de Lemos do Bierzo, etc.
O marquesado de Vilafranca creouse por concesión real (1486) e serviu para reforzar as alianzas coa alta nobreza (casas de Benavente e Alba). Por iso, cando o conde de Lemos se rebelou de novo contra a Coroa (1507), en demanda das súas posesiois bercianas, foron confimados como capitáns xerais nobres das ditas dúas casas señoriais, os máis interesados na defesa dos seus intereses privados no marquesado. A posterior derrota militar supuxo a forte represión dos marqueses contra os partidarios bercianos do conde de Lemos, porque non había piedade cos inimigos, coma consta no lema do sarcófago dos marqueses no convento da Anunciada, “Terror y castigo”.
Os novos marqueses tiñan claro que querían señorear a provincia do Bierzo coma xa o fixeran os anteriores condes de Lemos. Por iso, adquiriron novos territorios, couto de Barxas e Posada do río (1505), san Lorenzo (1509) e Corrais (1538), preitearon por reter para si a terra de Arganza (1487 e 1493), conseguiron un concerto de cesión das localidades da Ribeira de Urbía do mosteiro de san Pedro de Montes (1497).
Os marqueses de Vilafranca tamén tiveron ao seu servizo certa baixa nobreza, oficiais e criados. Foi o caso do preito territorial en Onamio contra Ponferrada, onde contaron coa axuda de Mendaña de Yebra, señor de Bárcena e Posada do rio (1494). Un caso especial foi o encastelamento de igrexas na Somoza berciana, que segundo a documentación, estaban controlados por xentes do conde de Benavente (1498). A vila de Ponferrada protestou ante os Reis porque as xustizas señoriais de Vilafranca e Cacabelos non entregaban aos malfechores fuxidos (1497).
Os marqueses intentaron o control de Ponferrada de varias formas. Primeiro pretenderon establecer os seus criados coma rexidores no concello, ante a protesta da veciñanza (1520). Logo compraron a alcaidía do castelo (1558), e hai cartas privadas sobre os intentos de merca de Ponferrada (1564). Os marqueses si compraron á Coroa a xestión do imposto das alcabalas da vila do Sil (1611), apesar das protestas veciñais, concretadas nun Memorial, “el dicho Marqués yba a deshacerse de toda aquella provincia e incorporar en sus estados, lo que los dichos señores Reyes con tantos gastos y cuydado havían adquirido” (1623).
A expansión territorial foi un obxetivo fundamental dos marqueses que non sempre tivo resultados positivos. A marquesa Inés Pimentel pretendeu a compra doutros lugares monásticos dependentes de Carracedo, caso de Campo de Naraia, “que hablando yo al abad, me ha dicho que por amor de mi los vendiera, lo que he hecho con el a sido tomarle la palabra” (1570). Si conseguiron outra vila do mosteiro de san Pedro de Montes. Compraron Vilanova de Valdoza (1618), tras non poder os seus veciños mercar o seu vilazgo. Maís tarde esta vila formaría parte do seu maquesado de Villanueva de Valdueza por concesión de Felipe III, ante as necesidades monetarias da Coroa de Castela.
A ambiciosa alta nobreza berciana necesitaba da Coroa para medrar sen xeito (títulos, terras e vasalos). Ben importante foi a súa incorporación á política cortesana que lle reportou importantes beneficios económicos por mor dos cargos militares internacionais (Nápoles, Catalunya, etc). Desta alianza estratéxica entre Coroa e alta nobreza derivaron grandes señoríos (Lemos, Vilafranca, Alba, Luna, Astorga, etc). Convén dicir que para que uns medraran (privilexiados) outros muitos máis foron asoballados acotío (vasalos, súbditos e fregueses).
O Bierzo, febreiro de 2025.