[TRIBUNA] Valdeorras e O Bierzo antiseñoriais
XABIER LAGO MESTRE | Coma resulta lóxico dúas comarcas viciñas desfrutaron dunha historia común que muitos descoñecen. Referímonos hoxe ás rexiois de Valdeorras e O Bierzo. Por iso queremos dar a coñecer certos acontecementos, centrados nas desputas antiseñoriais, xurdidas nas dúas zonas nos séculos XVIII e XIX. Dende logo que estas datas que mudan de século foron mui importantes. Temos a execución das políticas dos gobernos ilustrados, co seu lema. “todo para o pobo mais sen o pobo”. Para logo vir as guerras napoleónicas que atacaron o chamado Antigo réxime (Coroa, señoríos, tribunais, etc). Para rematar co triunfo do réxime liberal que impuxo a Constitución, o Parlamento, as provincias, etc.
Así pois comezamos no século XVIII cuxa documentación indícanos o devir histórico de ámbalas dúas comarcas. O réxime señorial estaba controlado pola alta nobreza (marquesado de Vilafranca, condes de Ribadavia…) e polos mosteiros (Carracedo, san Pedro de Montes, Espiñareda, etc). Por suposto exercían o seu poder con man de ferro, baseándose nos privilexios concedidos polos diversos reis dende a Idade media. Ademais contaron coa execución discrecional dos seus poderes xurisdicional e fiscal para someter aos vasalos. Por suposto, estes tiveron muitos abusos que soportar mais tamén souberon resistir douto xeito. Velaí o caso dos preitos ante a Chancelería de Valladolid, as fraudes no pago de impostos, queimas de arquivos señoriais, protestas individuais e coletivas, etc.
Os señores ataban aos seus vasalos mediante foros agrarios, os cais muitas veces foron cedidos a cabezaleiros para a súa administración. Os veciños de Mosteirós preitearon contra os abusos do seu cabezaleiro ante o alcalde maior de Vilafranca (1769). Neste caso chegaron a acusar ao oficial señorial de abusos xudiciais, por actuar “no solo de corregidor sino de juez preventivo y de apelación” (1769). Noutra ocasión, son todos os concellos da meirindade de Corullón, en “junta especial”, os que protestan contra o dito alcalde maior. Os concellos indican que “se quiere intrujar en ejercer xuridicion hordinaria”, e non respeita o seu “merino o gobernador (de Corullón) que al presente se le da el tratamiento de Alcalde Maior” (1779). Outro tanto aconteceu no couto de Corrais e Vilar, onde se acusa ao sobredito oficial señorial de “en perjuicio de su jurisdicción ordinaria se entromete a quebrantársela, usurpando sin título, razón ni causa que lexitima sea el Alcalde Maior de la Vª. de Vªfranca del Bierzo” (1788).Máis longo foi o preito entre os lugares da gobernación de Valcarce a prol do cese do seu gobernador nomeado polo marqués (1785-1791).
Polo que se refire a Valdeorras, os seus veciños protestan polo “nombramiento y elección y alcalde y regidores de la dicha tierra” (1632). Curiosamente no ano seguinte hai un convenio entre o conde de Ribadavia e vila e terra de Valdeorras sobre o cobro de rendas señoriais, xa que se tiñan queimado os papeis onde constaban os títulos. Na provincia do Bierzo, Camponaraia preitea co mosteiro de Carracedo polo pago dos cuartos e quintos do cereal collido na devesa do Fabeiro (1693). Os pedáneos da xurisdición de Valdeorras tamén se queixan polo pago da regalía dos xamois (1779). E Cortigueira preitea co seu señor sobre non facer residencia aos oficiais e si visita conforme a real lei (1725).
Á hora de pagar os impostos señoriais sempre hai diferenzas entre fidalgos e pecheros. Velaí a causa de numerosos preitos entre ámbolos dous grupos, coma en 1702 en Valdeorras ante a presenza de intrusos no estado dos fidalgos. Outro tanto acontecera na xurisdición de Vilafranca polo mesmo motivo (1734) e na vila de Carracedo (1735).
Por suposto os señores, laicos e eclesiásticos, compiten polas terras, vasalos e rendas. Por iso fan un esforzo por delimitar ben as súas posesiois en Valdeorras. Hai documentación da presentación dos privilexios que ten o mosteiro de Carracedo nesa comarca (1713 e 1746), outro tanto acontece con san Pedro de Montes (1738, apeos de 1677 e relación de preitos en 1757). O administrador do conde de Ribadavia manda facer reparto para a cobranza da “talla servintia” ou dereito de vasalaxe (1804). Por suposto os vasalos protestan, mais o avogado dos Reais Consejos constata esa regalía do dito conde en Valdeorras.
Xa no século XIX, a Guerra de independencia favorece a crise dos señoríos (queima de arquivos, destrozo de colleitas, impago de rendas…), ademais da posterior revolución liberal que executa políticas de liberalización de terras (abolición de señoríos, desamortizaciois eclesiais…). Os debates políticos sobre a supresión dos señoríos son obxeto de atención polos vasallos. Neste senso, houbo un protagonista principal en Valdeorras. Trátase do convento dos Trinitarios de Correxáis, cuxos monxes foron acusados de difundir panquíns antiseñoriais nas feiras de Valdeorras (1812), instando ao impago de rendas. Por suposto, ditos monxes foron acusados polo conde de Ribadavia, xulgados e desterrados de Galicia. Esta rebeldía do pequeño convento non foi secundada polos grandes mosteiros bercianos (Carracedo e san Pedro de Montes) que tiñan grandes intereses señoriais en Valdeorras.
En 1812 as localidades de Valdeorras demandan os títulos de señorío e vasalaxe aos seus señores. Por suposto, a xustiza é lenta e alonga os preitos todo o que pode en beneficio dos señores. O preito ten sentenza absolutoria para os señores en 1829. Xa sabemos que se restan os dereitos de xurisdición aos señores, os cales alegan ter dereitos territoriais para seguir cos seus privilexios. En Corullón reúnense localidades do marquesado para queixarse contra o alcalde maior do marquesado (1814), “de los crecimientos salarios que exigen además de las estorsiones que son consiguientes extraiendo con la mayor violencia y sin ninguna consideración los bienes y efectos destos naturales”. Corullón comanda de novo as protestas tamén en 1815 e 1817, alegando a autonomía histórica desta vila fronte ao poder marquesal.
En febrero de 1816 Valdeorras protesta contra abusos señoriais, “exigiendo por estos medios y sin otro principio ni origen notoriamente conocido que el señorío jurisdicional, diversas prestaciones así reales como personales, se han hecho dueños de montes, ríos y rentas, alzándose en un todo en lo territorial y figurándose dueños del país”. Mentres que en abril de 1816 se queixan de que as “exobitantes prestaciones les tienen constituidos en la mayor miseria, de forma que no les queda fruto que sembrar ni comer”. Velaí que o procurador de Valdeorras propoña “lo ventajoso que les seria salir del yugo tan insoportable, pasando al suave y dulce de Su Magestad aunque para ello tengan que hacer sacrificio de quanto posehen”. Si, queren deixar a dependencia señorial para pasar a ser de reguengo. Recordemos que Ponferrada era vila reguenga dende 1486 e ben podería servir de exemplo.
As reformas liberais del XIX (supresión de terras mortas, da inquisición, dos diezmos, do voto de Santiago…) provocaron unha dura resistencia do sector eclesial (bispos, monxes e párrocos). Neste caso salientamos o informe elaborado polos cregos de ”los pueblos que se componen la Merindad de Aguiar en la provincia del Bierzo” (1817) que amosaron o seu apoio á dependencia xudicial de Vilafranca. Recordemos que estes cregos rurais desfrutaban dos beneficios en freguesías dependentes da colexiata de Vilafranca, creada polos marqueses no século XVI. Ademais este informe forma parte dun expediente creado a instancia de Vilafranca para integrar localidades no seu partido.
En 1829 hai unha executoria dun preito para a incorporación á Real Coroa das localidades da xurisdición de Valdeorras cos seus frutos, rentas e aproveitamentos. Agora o marqués de Camarasa, en Valdeoras, tivo que achegar numerosos títulos señoriais de posesión deses lugares. Mentres que as acusaciois antiseñoriais continuaron en 1840, cando A Rúa, Vilamartín e Petín denunciaron ao marqués por “ocupar terrenos que eran de los pueblos y sujetarlos a prestaciones indebidas”.
O Bierzo, xuño de 2025.