[TRIBUNA] Viaxe para Santiago de Compostela
XABIER LAGO MESTRE | Trala longa viaxe pola noite chegamos á capital de Galicia. A ampla estación intermodal, de trens e autobuses, está ateigadas de xentes que se moven aínda un chisco adormiñados. Saímos para fóra, pola traseira, na lindeia rúa Clara Campoamor. Torcemos á dereita, no barrio rural da colexiata do Sar co seu regueiro e fermosa ponte medieval. Subimos pola rúa Diego de Bernal que sae pola esquerda, e entramos no chamado bosque de Galicia. Polo seu labirinto de sendeiros agatuñamos até a Cidade da cultura. No cumio deste monte Gaiás temos diversos edificios. Salientamos entre eles a biblioteca e arquivo, o edificio Fontán, museo centro Gaiás entre otros ben modernistas. Vaia facilidade dos políticos para gastar grandes cantidades de cartos públicos neste lugar tan alonxado para os galegos de a pé.
Abandonamos Gaiás con direción norte pola rúa Viso de enriba, entre caserío disperso e zonas verdes de bo paseo mañaneiro. Nosa idea é ir para o monte do Gozo. Acompáñanos a AP-9 ou autoestrada do Atlántico, cos seu contante mumurio do numeroso tráfico. Tras atravesar por debaixo esta infraestrutura viaria tomamos a rúa das Estrelas que nos indica que imos polo bo camiño peregrino. Cruzamos dúas rotondas e vemos á esquerda o famoso auditorio do monte do Gozo, onde celebran multitudinarias actuaciois musicais. Non estará lonxe a estatua dos peregrinos vixiantes. Si, alí enriba xorden os dous xigantes, arrodeados de peregrinos que tiran fotos sen xeito. Vaia vista da lonxana Compostela! Paga a pena chegar até eiquí.
Damos media volta para acompañar aos peregrinos na entrada en Santiago. Tomamos de novo a rúa das Estrelas. Deixamos á esquerda o campo do fútbol do descendido Compostela. Logo rúa do Valiño, cos seus parques coma xardín de Fontiñas e monte dos Postes. A rúa dos Concheiros avisa do bo camino peregrino. Xa estamos en Bonaval, co seu amplo parque, o Centro de Arte contemporánea e mailo Museo do Pobo galego co panteón dos galegos ilustres. Ante nós, imaxinamos a porta do Camiño, Francígena ou san Pedro, onde os reis xuraban os privilexios locais. E entramos cansos na cidade vella. Xa na enlouxada rúa do Preguntorio, ateigada de pequechas tendas, imos para a praza da Universidade, onde temos a facultade de Xeografía e Historia coas súas altas colunas. Eiquí está o arco de Mazarelos por onde entraba o viño das comarcas do Ribeiro e Ulla. Baixamos para as prazas de Toural e Galicia, contraste entre o antiguo e a modernidade urbanística.
Situados xa na antiga porta Faxeira, entre a Alameda e rúa do Franco, percorremos esta vella rúa, chea de xente e tendas de recordos turísticos. Imos para o colexio de san Xeromé, coa súa biblioteca universitaria. Eiquí hai que ver a exposición do ano de Rosalía de Castro. Trátase da relación entre Rosalía e a natureza, sita na parte superior do claustro. Saímos para a praza do Obradoiro, onde centos de peregrinos repousan botados no chan mentres admiran a fachada da ansiada catedral. Arrodeamos este centro relixioso pola praza das Praterías, coa súa fonte cabalar e tendas de ventas de obxetos de azabachería. Quintana dos mortos non toca a silencio eterno ante tantos turistas que desfrutan da pechada porta do Perdón. Na praza da Inmaculada, a hospedaría de san Martiño Pinario, para logo baixar polo túnel catedralicio, onde resoan sempre os sons dos anónimos gaiteiros.
Recomendamos tirar as mellores fotos da fachada da catedral dende a rúa de Raxoi que baixa para o parque da Alameda. Eiquí nova foto xunta as dúas Marías que non deixan de pasear por esta zona verde. Sorpresa! Temos feira do libro do mes de maio. Centos de libros con rebaixas animan a leitura de exemplaes en galego. A verdade é que non hai muitas casetas hogano, supoñemos que o Concello cobra bastante polos alugueres aos libreiros aistentes. Penetramos na Alameda para visitar de novo o monumento a Rosalía de Castro. A súa luita polo idioma galego recorda que no Bierzo tamén resistimos aínda fronte a colonizaciois idiomáticas foráneas.
Dende o alto da Alameda vemos o fermoso campus Sur da Universidade de Santiago. Facultades e colexios arrodeados de zonas verdes para relaxar aos atarefados estudantes. Procuramos o chamado Ensanche de Compostela, cheo de tendas ben modernas. A xente sae delas con bolsas de roupa. A mocidade ligotea coas súas mellores galas. Os bares presentan boa asistencia que xa o bandullo pide bo alimento. Baixamos para o novo complexo intermodal que aínda está en obras. Na reformada estación de Adif uns trens chegan con numerosos estudantes, mentres os peregrinos suben de volta aos súas ciudades de partida. Nosoutos agardamos para coller nesta ocasión un tren de volta para o lonxano Bierzo.
O Bierzo, maio de 2025.