[TRIBUNA] O Bierzo nas relaciois bélicas con Portugal
XABIER LAGO MESTRE | O Bierzo tivo unas peculiares relaciois militares con Portugal que son descoñecidas pola meirande parte dos cidadaos. Nesta ocasión faremos uns apuntamentos sobre eses contactos entre O Bierzo e Portugal dende o punto de vista bélico. Principiamos a nosa viaxe histórica no século XVII, no comezo da Guerra de Secesión, “Aclamaçao ou Restauraçao”, principiada en 1640, tempo en que tamén se rebelou Catalunya contra Castela.
Por mor da documentación atopada polo historiador José Diego R. Cubero, sabemos dos medos dos bercianos a unha invasión portuguesa. A cercanía da provincia do Bierzo á fronteira facilita o protagonismo militar da nosa rexión. En 1642 varios xefes militares foráneos demandan soldados bercianos (marqués de Tarazona coma gobernador del distrito de Monterrei e o marqués de Valparaiso), ademáis da Sarxentía maior do reino de León. O curioso do caso é que tamén dende lonxanas terras pediron soldados bercianos para o exército de Estremadura. En 1658 houbo un chamamento militar ao correxidor de Ponferrada de máis homes, “los que menos falta hicieren, condenados campaña y destierro, la gente mal entretenida y los que han recibido sueldo real”. Todo valía para carne de canón bélico!.
Ponferrada resístese a eses sucesivos recrutamentos, e alega que está “Portugal diez leguas por tierra abierta e indefensa. Y si el enemigo la ocupase sería cortar el paso para los Reinos de Castilla, León y Galicia”. A vila do Sil remesa a un representante á Corte para que consiga reais cédulas que fundamenten “la defensa del castillo y fortaleza que está tan propincua para alguna invasión el enemigo por la cercanía con el Reino de Portugal”. Posiblemente o país luso non atacou O Bierzo por estar lonxe, orografía montañosa (serras da Cabreira e Aguilanos) e os malos camiños.
Os portugueses non invadiron a provincia do Bierzo. Mais os portugueses atacaron A Pobra de Seabra e pasaron á Cabreira, onde incendiaron a localidade da Baña, supoñemos que tamén se levaron o seu gando. Estas cabalgadas portuguesas non buscaban asentarse senón a pillaxe para levarse o que podían (todo tipo de gando e alimentos, ademáis de xoias e moedas). Tratábase do chamado dereito de guerra ou botín de guerra. Por suposto, o mesmo fixeron os españois cando invadiron ocasionalmente a regiao de Tras os Montes. Foi o caso do gobernador de Seabra, Juan de Benavides, que penetrou en Portugal, habiendo “quemado al rebelde ocho lugares, los más ricos grandes de toda la tierra de Bragança” (1643). Pola súa banda, o noso coñecido, conde de Alba de Aliste, atacou Miranda do Douro (1641), e o marqués de Viana (Rodrigo Pimentel de Benavente), fixo o mesmo con Monçao (1658).
A provincia do Bierzo pertencia a efeitos militares á Sarxentía de milicias de León. Entre as obrigas militares estaban a de remesar milicias á Pobra de Seabra, concretamente dos partidos de Astorga, Bembibre, Vilafranca, Saldaña, Cea e As Omañas. O resto de partidos destinaban as súas milicias para a guerra de Catalunya. Mais acontecía que cada vez era máis difícil o recrutamento dos 600 homes dese tercio do reino de León. Por iso en 1649 houbo a sustitución por un pago de 12.000 ducados, que logo subíu a 15.000 (1657). Posteriormente a Coroa pide 1.300 hombres aos partidos de León, Asturias e Ponferrada (1694). A política internacional da Coroa provoca unha grande sangría na demografía berciana.
Os bercianos estaban fartos de tanto gasto militar. Non soamente foron os recrutamentos forzosos que deixaban as localidades sen homes para traballar as terras. Guerras internacionais que foron continuas (Holanda, Francia, Portugal, Catalunya, etc). Ademais existía unha derivada, chamadas as bagaxes. Tratábase das obrigas militares do paso dos exércitos pola provincia do Bierzo. Entre esas variadas obrigas bélicas, poner carros e bestas (bois, cabalos e mulas) para transportes militares, aloxamentos de soldados e xefaturas, alimentación de militares, poner combustible (leñas), alimento para a cabalería (cereais e herba), etc. Por suposto, tódalas localidades afectadas, situadas nos principais camiños reais, resistíronse a satisfacer esas demandas militares, sobre todo as consideradas cuarteis (Bembibre, Ponferrada, Vilafranca e maila Ponte Domingo Flórez).
No século XVIII nova guerra pola Sucesión na Coroa de España. No Bierzo houbo novas queixas polos aloxamentos militares, e continuaron as demandas de soldados dende León. O adversario portugués toma A Pobra de Seabra e tamén Alcañices en 1711. Recordemos que as tropas borbonas tiñan a súa principal fronte de batalla nas terras da Coroa de Aragón, o que facilitou a invasión portuguesa polo oeste. Como un servizo militar máis intentouse crear un cuartel en Ponferrada (1757). Na organización militar O Bierzo continuou coma un partido máis. Así nos repartos de quintas de España, xorden “León y El Bierzo” (casos documentados en 1770, 1787 e 1800).
Comeza o século XIX coa chamada Guerra das Laranxas (1801) entre tropas angloportuguesas e francoespañolas que rexistra os ataques a Monterrei e A Pobra de Seabra (1808). Por suposto, coa Invasión napoleónica, as alianzas trocan de bando, para formar a fronte militar anglolusoespañola. Outra alianza foi a que tiveron as raíñas liberais veciñas, a rexente María Cristina de España e María de Portugal, durante a primeira guerra carlista (1836-37). Eiquí tropas lusas foron autorizadas para penetrar en España e perseguir as partidas carlistas. O maior protagonismo tívoo Vilafranca do Bierzo. Segundo os xornais da época, 3.000 portugueses estiveron pola vila do Burbia, “punto el más a propósito para obrar como más convenga” (El Eco del comercio, xullo de 1836).
Non podemos rematar sen recordar a guerra de propaganda ideolóxica de tipo bélico que houbo entre Portugal e España. Lóuvanse as vitorias e néganse as derrotas mútuas nos sermones relixiosos, panfletos populares, obras de corráis de comedias, pasquines anónimos, cancioneiros, etc. Por iso queremos traer a colación exemplos da literatura lusa. “Portugal e mais Castella/ nunca fueron bien casados/ agora estao apartados/ dizem que sem querer ella”. De máis sona é, “de Espanha nem bom vento, nim bom casamento”, supoñemos que se refería aos efeitos negativos dos casamentos reais entre as dúas Coroas. Por sorte, as guerras restan mui atrás e o futuro tende pontes cordiais acotío entre os dous veciños seculares.
O Bierzo, maio de 2025.